A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas ao programa do Voluntariado sénior deste ano

A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas ao programa do Voluntariado sénior deste ano

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina preto de 100.000€ para que persoas maiores de 55 anos desenvolvan este tipo de actividades.
Están dirixidas a entidades privadas sen ánimo de lucro e entidades locais para que desenvolvan proxectos que van desde a recuperación da cultura e tradicións populares a fomentar a cooperación interxeracional.

A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para que as entidades de acción voluntaria e os organismos locais soliciten acollerse ás axudas do programa Voluntariado sénior deste ano. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dotada con preto 100.000€ coa finalidade de ofrecer ás persoas maiores de 55 anos a oportunidade de desenvolver actividades de voluntariado, favorecendo así que manteñan unha vida activa e se contribúa a aproveitar, como sociedade, todos os seus coñecementos de vida.

O prazo para formar parte desta liña de subvencións estará aberto ata o 6 de maio e as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica. Cómpre lembrar que o orzamento desta convocatoria repártese en 55.000€ para entidades privadas sen ánimo de lucro e 42.600€ para as entidades locais.

Requisitos a cumprir

Segundo as bases publicadas, non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que conten con máis de 8 persoas participantes. No entanto, no caso de que as solicitudes sexan achegadas por entidades locais resultado dunha fusión, agrupación, asociación, mancomunidade ou similar, a cifra de participantes poderá ser de ata 20 persoas.

No relativo á contía das axudas, están establecidas de ata 2.400 euros, nos casos de que se conte con 8 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días. De calquera xeito, as axudas poden ser de ata 6.000 euros para aqueles proxectos que conten con 20 persoas voluntarias cunha colaboración de 3 horas ao día por un total de 60 días.

Proxectos subvencionables

En canto as temáticas das propostas que poden optar a estas axudas, atópanse aquelas actividades relacionadas co Camiño de Santiago; con accións de recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas; con intervencións orientadas á conservación da natureza e creación de contornas saudables; con proxectos relacionados coa igualdade de xénero ou actuacións orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.

Tamén poden optar a estas axudas, aquelas actividades cuxo obxectivo sexa a humanización das contornas rurais e urbanas; que garden relación co fomento da utilización das novas tecnoloxías da información e comunicación; as que recollen iniciativas de mellora dos servizos comunitarios; as encamiñadas a orientar a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores, ou as propostas que fomenten a cooperación interxeracional como xeito de aprendizaxe mutua.