A Xunta destina 630.000€ a programas de voluntariado interxeracional no rural

A Xunta destina 630.000€ a programas de voluntariado interxeracional no rural

O obxectivo é por en contacto a maiores de 55 anos e a mozos de 16 a 35 anos para que desenvolvan iniciativas de investigación, innovación e mellora do medio rural vinculadas co programa ‘Talento Interxeracional’.
A orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude divídese en cinco liñas de acción vencelladas aos coidados, a agrogandería, a protección do medioambiente e a cohesión tecnolóxica e dixital.
Os proxectos, levados a cabo por entidades locais ou agrupacións entre xaneiro e maio de 2026, contarán con axudas de ata 75.000 euros.

A Xunta de Galicia destinará 630.000€ para impulsar o desenvolvemento de proxectos de voluntariado interxeracional no rural no ano 2026. Faino a través da convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia cuxa finalidade é dinamizar os concellos menos poboados ao tempo que se melloran as perspectivas laborais da xuventude.

Así, ao abeiro desta medida o obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é que persoas voluntarias de máis de 55 anos e a mocidade traballe conxuntamente en iniciativas de investigación, innovación e mellora do medio rural a través de accións vinculadas ao programa Talento interxeracional.

Neste senso, a través desta convocatoria subvenciónanse actividades que recoñezan as experiencias das persoas maiores que poidan servir como catalizador para as iniciativas da mocidade. Trátase de proxectos que se deberán levar a cabo entre o 1 de xaneiro e o 15 de maio por parte de entidades locais ou agrupacións que teñan a consideración de entidades locais de carácter rural e de entidades de acción voluntaria de carácter asociativo. As entidades asociativas contarán con axudas de ata 30.000 euros e as entidades locais agrupadas farano con axudas de ata 75.000 euros.

Ademáis, os proxectos presentados deben incluirse nun máximo de tres das cinco liñas que forman a convocatoria. A primeira inclúe proxectos orientados á identificación de situacións e necesidades de coidados, baseadas en casos reais detectados na zona e enfocados ao acompañamento ou apoio no fogar de persoas autónomas pero que precisen coidados ou apoios puntuais.

A segunda área abarca as iniciativas orientadas a promover os cultivos ecolóxicos e sustentables e o fomento do relevo xeracional nas explotacións agrogandeiras. As seguintes liñas recollen propostas orientadas á protección do medio ambiente, co fin de contribuír á recuperación da biodiversidade e os ecosistemas; á promoción turística e cultural, fomentando a divulgación de elementos como o patrimonio ou os oficios tradicionais, e á cohesión tecnolóxica e dixital, con proxectos que atendan ou melloren as necesidades da zona.

Talento Interxeracional