A Xunta destina máis de 70.000 € ao desenvolvemento de programas de voluntariado sénior en 8 concellos e 26 entidades sen ánimo de lucro
A Xunta destina máis de 70.000 € ao desenvolvemento de programas de voluntariado sénior en 8 concellos e 26 entidades sen ánimo de lucro
As accións van desde a recuperación da cultura e tradicións populares a fomentar a cooperación interxeracional
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución das axudas a 8 concellos e 26 entidades sen ánimo de lucro para desenvolver programas de voluntariado sénior. A través desta liña de subvencións, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina máis de 70.000 € para ofrecer ás persoas maiores de 55 anos a oportunidade de levar a cabo estas actividades, favorecendo así que manteñan unha vida activa e se contribúa a aproveitar, como sociedade, todos os seus coñecementos de vida.
Segundo as bases destas axudas, as iniciativas incluídas nestas subvencións contan todas cun máximo de 8 persoas voluntarias, e recibiron 2.400 euros, nos casos de que se contase con 8 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días. Ademais, a orde divídese en dúas modalidades: unha para entidades sen ánimo de lucro e outra para entidades locais. Neste último caso, fóronlles concedidas aos concellos de Vedra, Lousame e Padrón, da provincia da Coruña; aos lucenses de Mondoñedo e Ribas de Sil; ao de Verín en Ourense; e aos de Ponteareas e Mos, da provincia de Pontevedra.
Proxectos subvencionables
En canto as temáticas das propostas, inclúen actividades relacionadas co Camiño de Santiago; coa recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas; coa conservación da natureza e creación de contornas saudables; coa igualdade de xénero ou actuacións orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.
Ademais, podían optar tamén a estas axudas, aquelas actividades cuxo obxectivo fose a humanización das contornas rurais e urbanas; as que gardasen relación co fomento da utilización das novas tecnoloxías da información e comunicación; as que recollesen iniciativas de mellora dos servizos comunitarios; as encamiñadas a orientar a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores; ou as propostas que fomentasen a cooperación interxeracional como xeito de aprendizaxe mutua.
 
 