A Xunta renova a súa aposta polo voluntariado na sanidade pública para mellorar a experiencia dos pacientes desde o altruísmo e a solidariedade
A Xunta renova a súa aposta polo voluntariado na sanidade pública para mellorar a experiencia dos pacientes desde o altruísmo e a solidariedade
Gómez Caamaño destaca o poder curativo dunha atención próxima, empática e humana.
López Campos salienta que “Galicia pode estar orgullosa da súa xente nova”, pola importante implicación “solidaria e xenerosa” da mocidade galega neste programa.
Desde o ano 2020, as áreas sanitarias de Ourense e Lugo suman 140 voluntarios e o obxectivo é agora sumar outras novas, especialmente a de Vigo, que manifestou o seu interese.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinaron hoxe en Ourense un acordo de colaboración para o desenvolvemento do Programa de acompañamento nos hospitais e centros de saúde do Servizo Galego de Saúde co que mellorar a experiencia dos pacientes desde o altruísmo e a solidariedade do voluntariado.
No acto de sinatura, celebrado na cuberta terapéutica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, participaron tamén o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo; a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba.
O conselleiro de Sanidade fixo fincapé na importancia para o benestar dos pacientes de contar con compañía, cunha atención próxima, empática e humana ou con espazos naturais como a cuberta do CHUO.
Gómez Caamaño agradeceu o labor dos equipos de Humanización dos hospitais públicos e das 140 persoas voluntarias que, desde 2020, teñen participado en actividades nas áreas sanitarias de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Incidiu en que o obxectivo desta nova colaboración é sumar novas áreas sanitarias, especialmente a de Vigo, que xa manifestou o seu interese.
Gómez Caamaño puxo como exemplo o poder da música sobre o benestar emocional, algo que hoxe se puxo de manifesto en Ourense co voluntario Luis Humberto, que tocou o acordeón.
Mocidade galega xenerosa e solidaria
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude gabou a participación da mocidade neste programa. “Galicia pode estar orgullosa da súa xente nova, pois non só conta cun gran talento, senón tamén é tremendamente xenerosa e solidaria como demostra a súa implicación nestas iniciativas e en tantas outras”, aseverou.
Neste senso, explicou que, a través desta colaboración, a Xunta pon a disposición das persoas doentes un dobre tipo de voluntariado. Por unha banda, un de apoio á información, que se basea no acompañamento aos distintos servizos dos centros sanitarios. E por outra banda, desenvólvese tamén un de carácter social, centrado en actividades lúdicas, conversacións, paseos ou lecturas organizadas por cada hospital ou centro de saúde. “De aí a importante sensibilidade deste programa para que a xente que está pasando un momento delicado conte cunha man amiga”, valorou.
Sumar máis áreas sanitarias
Desta forma, o voluntariado na sanidade pública mellora a experiencia dos pacientes, dálle un respiro aos familiares coidadores ou rompe o illamento de pacientes ingresados sen familia ou sen rede social.
A través da web voluntariadogalego.org, pode inscribirse calquera persoa maior de idade que, de xeito altruísta e solidario, desexe contribuír á mellora da calidade de vida da comunidade.
Ata o de agora xa viñan colaborando neste programa dúas das sete áreas sanitarias, a de Lugo e a de Ourense, e agárdase que con este novo acordo se sumen máis. En todo caso, cómpre lembrar que todos os hospitais teñen voluntariado que xestionan a través de asociacións ou entidades sen ánimo de lucro.
 
 