PASAPORTE SOLIDARIO

PASAPORTE SOLIDARIO

No curso 2019-2020, unificamos, dentro do Plan Proxecta, todas as accións vinculadas ao ámbito da acción voluntaria que temos desde a Consellería de Política Social baixo a denominación Voluntariado Educativo. Con esta medida buscamos concentrar e favorecer a creación dun itinerario formativo completo neste ámbito, coa finalidade de promover os valores da solidariedade, a participación e o voluntariado, favorecendo que o alumnado adquira un compromiso e implicación social a través dunha metodoloxía activa e participativa, coñecedora da realidade na que se integra.

Así mesmo, e co obxectivo de completar este itinerario, incorporamos ao Plan Proxecta o programa Pasaporte Solidario. Deste xeito, amplíanse as opcións a elixir para os centros educativos, posto que se ofrece unha iniciativa de acción voluntaria no segundo ciclo de Educación Infantil a través de Voluntariado Miúdo, logo continúase con Pasaporte Solidario durante o cursos académicos de Educación Primaria, ESO e FP básica,  completándose coa Rede de Centros Escolares Solidarios para estudantes de Educación Secundaria e Bacharelato.

Cómpre destacar que o proxecto de voluntariado nas aulas, denominado Pasaporte Solidario, pretende fomentar a acción solidaria entre os rapaces e as rapazas máis novas e posicionarse como instrumento educativo dirixido a impulsar e consolidar os valores e accións altruístas entre a nosa xuventude.

O programa permite ao alumnado elaborar un itinerario de actividades solidarias que, neste curso 2025-2026, vinculanse cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sostible) da Axenda 2030.

Cada ano, a petición dos centro educativos que participen no programa, o Servizo de Voluntariado e Participación, enviará os Pasaportes Solidarios correspondentes ao alumnado que participe, para que plasmen neste documento as diversas actuacións solidarias que se desenvolvan, actuacións que partirán do proxecto que presente o centro.

A participación de cada alumna e alumno no programa será recoñecida mediante un diploma acreditativo ao final do curso escolar. Para tal fin os centros educativos deberán remitir previamente, antes de que finalice o curso escolar, os Pasaportes Solidarios cubertos ao Servizo de Voluntariado e Participación, para a revisión dos mesmos e a conseguinte elaboración dos diplomas e envío destes aos centros.

Como xa é coñecido, o Plan Proxecta poderase consultar na ligazón http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta/programas. A partir de agora, esta será a plataforma a través da cal se canalizará este programa de voluntariado xunto cos demáis que xa estaban en marcha, todos eles concentrados baixo a denominación Voluntariado Educativo.

Estes son os centros educativos que participaron no curso escolar 2025-2026:

NOME DO CENTRO LOCALIDADE
CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús Ourense
CPR Plurilingüe La Salle Ferrol
CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo Cee
IES Castro Alobre Vilagarcía de Arousa
IES Mendiño Clara María Riveiro Collazo
CEIP Plurilingüe Os Casais Fene
IES do Milladoiro Ames
IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas Oleiros
CEIP Isaac Díaz Pardo Culleredo
IES de Quiroga Quiroga
IES da Terra Chá, José Trapero Pardo Ribeiras De Lea

Máis información

Para informarse sobre a organización e a xestión do Plan Proxecta pode dirixirse a: planproxecta@edu.xunta.es ou nos teléfonos 881 996 395 / 881 997 498.