Programa de Voluntariado Interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos”

Programa de Voluntariado Interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos”

A Xunta de Galicia abre o prazo para inscribirse no Programa de Voluntariado Interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos”. Esta iniciativa gratuíta irá vencellada á recuperación dos oficios tradicionais, coa finalidade de mostrar, entre outros aspectos, as posibilidades de emprego e autoemprego dos mesmos.

Nesta primeira edición da iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, desenvolverase unha rede de xornadas ao longo de máis de 20 concellos das catro provincias galegas.

Obxecto

Neste ano 2026 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai impulsar un programa pioneiro de voluntariado consistente na realización dunha rede de xornadas de voluntariado interxeracional no medio rural ao longo do territorio da Comunidade Autónoma.

Ditas xornadas irán vencelladas á recuperación dos oficios tradicionais e a posta en valor dos produtos artesanais para mostrar as posibilidades de emprego e autoemprego dos mesmos e lograr unha transferencia de coñecementos en materia de saberes e tradicións.

A finalidade deste programa é servir como motor de desenvolvemento no medio rural tratando de aumentar a taxa de poboación e ofrecendo á mocidade oportunidades vitais vinculadas a estes oficios. Do mesmo xeito, tamén se busca poñer en valor o coñecemento patrimonial e cultural das persoas maiores, así como captar as súas necesidades asistenciais, culturais ou vitais en función das súas preferencias e desexos.

O funcionamento das xornadas artellarase mediante a participación de persoas expertas nos respectivos oficios, que asegurarán a transmisión de coñecementos e experiencia entre as persoas participantes. Estas xornadas estarán dirixidas principalmente a persoas maiores de 55 anos e a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, sen prexuízo da participación doutras persoas de ata 54 anos. En cada unha das xornadas poderán participar, a través dun sistema de parellas, un máximo de 16 persoas e a súa duración será de ata 8 horas.

No caso de que participen persoas mozas maiores de 16 anos e menores de 18, deberase achegar a correspondente autorización do pai, nai ou titor/a legal.

As persoas voluntarias colaborarán na xeración de espazos de encontro que fomenten a cohesión social e veciñal, porán en valor as tradicións e saberes artesanais como medio de loita contra a despoboación e apoiarán o desenvolvemento de obradoiros sobre oficios tradicionais contribuíndo a satisfacer as necesidades culturais e sociais da súa contorna.

A Xunta de Galicia cubrirá a manutención durante o desenvolvemento da xornada, seguros e actividades formativas. Cada participante debe asumir os gastos de desprazamento ata o lugar indicado para a realización da actividade.

Prazo de inscrición

O prazo de inscrición comezará o 30 de xuño ata completar o número máximo de prazas.

Se o grupo de persoas inscritas nunha actividade excede do máximo permitido para cada zona, a selección realizarase de acordo cos seguintes criterios:

1. Persoas residentes no concello onde se desenvolverá a xornada e con idades comprendidas nas franxas entre 16-35 anos e 55 ou máis.

2. Persoas residentes no concello onde se desenvolverá a xornada.

3. Resto de persoas con idades comprendidas nas franxas entre 16-35 anos e 55 ou máis.

4. Orde de inscrición.

Inscrición

As persoas interesadas en inscribirse nesta primeira edición do Programa de Voluntariado Interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos” poden facelo a través do espazo habilitado na páxina web www.voluntariadogalego.org.

Os únicos requisitos para participar neste programa autonómico son ter cumpridos os 16 anos, residir na Comunidade Autónoma de Galicia e cumprimentar o formulario que se atopa na páxina web.

Nas vindeiras semanas procerase á apertura de novas quendas das xornadas de voluntariado interxeracional no medio rural. A información sobre estas novas datas será obxecto de actualización a través da páxina de voluntariado galego.