RECOÑECEMENTO ACADÉMICO DAS EXPERIENCIAS VOLUNTARIAS NAS TRES UNIVERSIDADES GALEGAS

RECOÑECEMENTO ACADÉMICO DAS EXPERIENCIAS VOLUNTARIAS NAS TRES UNIVERSIDADES GALEGAS

En virtude do convenio de colaboración asinado coas tres universidades galegas (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo) os programas de voluntariado promovidos pola Consellería de Política Social e Xuventude terán recoñecemento académico mediante o sistema de créditos establecido no Real Decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial. O obxectivo é seguir enriquecendo o currículo académico do alumnado a través da formación transversal que achega, neste caso a través da acción voluntaria como competencia clave para impulsar o futuro laboral da mocidade.

En virtude deste acordo, dentro das competencias que lle corresponden en materia de voluntariado segundo o establecido no artigo 24 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria todo programa impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude no que participen estudantes universitarios, e sempre e cando cumpran os requisitos mínimos de horas e así o soliciten, verán acreditadas ditas experiencias mediante o sistema de recoñecemento de créditos do sistema europeo de transferencia subscrito polas tres universidades galegas.

Neste sentido, a Administración autonómica e as institucións académicas comprométense ao recoñecemento das actividades de acción voluntaria mediante a emisión dos certificados de experiencias voluntarias, no caso da Consellería, e posterior acreditación dos créditos que lle correspondan, no caso da Universidade. Cómpre destacar que esta colaboración tamén axuda a complementar os programas propios de solidariedade e voluntariado que xa teñen en marcha as universidades galegas, algúns deles en cooperación coa propia Consellería de Política Social e Xuventude como é o caso de Correspondentes universitarios.

Este acordo de colaboración permite o recoñecemento da acción voluntaria como unha experiencia vital que habilita o contacto coa sociedade desde un punto de vista máis humano e solidario e permite ao mesmo tempo adquirir habilidades e coñecementos que facilitan a apertura a un futuro laboral mais próximo.

VOLUNTARIOS UNIVERSIDADES