PROGRAMA DE ACOMPAÑAMENTO NOS HOSPITAIS E CENTROS DE SAÚDE DE GALICIA

PROGRAMA DE ACOMPAÑAMENTO NOS HOSPITAIS E CENTROS DE SAÚDE DE GALICIA

O Programa Acompañamento nos Hospitais e Centros de Saúde, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Consellería de Sanidade, é un proxecto de humanización que consiste no acompañamento, apoio e información, con persoas voluntarias, ás persoas usuarias que reciben asistencia sanitaria nalgún centro público sanitario do Servizo Público de Saúde, en coordinación coas diferentes xerencias das áreas sanitarias.

O programa está implantado en cinco das sete áreas sanitarias de Galicia: a de Lugo, a de Ourense, a de Vigo, a de Coruña e a de Ferrol, que contan con proxectos específicos para levar a cabo con persoas voluntarias.

Estas accións voluntarias realízanse dentro dos diferentes programas das áreas sanitarias adheridas, para desenvolver actividades de humanización nos hospitais e centros de saúde implicados.

O obxectivo principal é axudar ás persoas usuarias do sistema público de saúde, que previamente foron atendidas nos puntos de información polo persoal do Sergas, sobre os recursos e servizos existentes no hospital ou centro de saúde co acompañamento a estes de ser necesario, e o enriquecemento persoal das persoas voluntarias que facilitan o benestar persoal das persoas usuarias.

As persoas voluntarias darán apoio tanto a aquelas que permanecen ingresadas como ás que reciben asistencia sanitaria. Tamén realizarán funcións de acompañamento en programas específicos e actividades lúdicas, de participación social, de apoio e accesibilidade, relacional (conversación, paseo, lectura) desenvolvidas por cada hospital ou centro de saúde. Para o desenvolvemento destas actividades, o Sergas comprometerase a formar ás persoas participantes no programa naqueles casos en que sexa necesario.

Sen dúbida, estas actividades teñen unha incidencia e beneficios directos na contorna sanitaria no que se desenvolven, tanto para as persoas usuarias -ao ofrecerlle seguridade e confianza- como para as persoas voluntarias, contribuíndo ao seu enriquecemento persoal.

Entre as accións que se poden levar a cabo dentro do programa cómpre mencionar:

Voluntariado de apoio á información, que realizará as seguintes actividades:

Axuda ás persoas usuarias nos puntos de información, sobre os recursos e servizos existentes no hospital ou centro de saúde co acompañamento a estas.

Acompañamento ás persoas usuarias, que así o soliciten, ao seu lugar de destino dentro do centro sanitario.

Voluntariado social, que realizará as seguintes actividades:

Acompañamento en programas específicos e actividades lúdicas, de participación social, actividade de apoio e accesibilidade, relacional (conversación, paseo, lectura) desenvolvidas por cada hospital ou centro de saúde en cuestión.

As citadas actividades desenvolveranse polo persoal voluntario cun carácter altruísta e solidario e sen obstaculizar o funcionamento do centro.

Quen pode formar parte do Programa Acompañamento nos hospitais e centros de saúde de Galicia?

Poderá participar calquera persoa maior de idade que desexe realizar as actuacións descritas para contribuír á mellora da calidade de vida da comunidade.

Para anotarte debes cubrir o correspondente formulario de inscrición.